Friday 19 de April de 2024

As mariscadoras de Cabanas protagonizan un vídeo divulgativo do CIMM de Cabanas


O vídeo forma parte da estratexia de promoción turística do Concello de Cabanas

O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas presentou esta mañá un clip de presentación do espazo como lugar de encontro e de desenvolvemento de actividades arredor da cultura mariñeira, así como tamén de posta en valor dos oficios vinculados ao mar.

O vídeo ofrece aos espectadores unha visión global do espazo e as actividades que desde el se desenvolven, ao tempo que pon en valor o traballo das mariscadoras de Cabanas – asociadas á Confraría de Pontedeume – na extracción de marisco no esteiro do Eume. Así mesmo, tamén destaca as saídas interpretativas pola costa e zona intermareal do río Eume, espazos axeitados para o avistamento de aves.

“No tempo que leva funcionando, o CIMM tense convertido nun activo turístico máis de Cabanas, e enmárcase nos traballos levados a cabo desde o goberno local para desestacionalizar e diversificar a oferta que ofrece Cabanas á veciñanza e visitantes”, sinalou o tenente alcalde e responsábel do proxecto, Iago Varela.

O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas (CIMM) é un proxecto impulsado pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas, financiado con fondos FEMP a través do GALP Golfo Ártabro Norte.